6/6/11

A INSOPORTABLE LEVEDADE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente  de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na  iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos,  esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes  en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son  seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos  incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada  centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino  xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro  será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?

13/5/11

ELABORACIÓN DE BOLETÍNS SOBRE O COLEXIO

Os alumnos e alumnas de 2º de primaria elaboraron uns boletíns sobre o colexio para que todos os compañeiros/as, mestres/as, pais e nais saiban como é o noso cole.
Mirade que bonitos e ben feitos están.





EXPOSICIÓN DO TRABALLO SOBRE OS MAMÍFEROS E AS AVES NO 1º CICLO DE PRIMARIA

Os alumnos e alumnas do 1ºciclo de primaria, son moi traballadores.
O alumnado de 2º fixo un traballo estupendo sobre os mamíferos e así aprenderon moitas cousas sobre eles. Se o queredes ver está exposto no corredor ao lado da súa aula.

 Tamén os alumnos e alumnas de 1º son moi traballadores, fixeron un traballo sobre as aves que expuxeron no corredor.


12/4/11

ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 2010/2011


Os días 7 e 8 de abril celebráronse en Santiago de Compostela os ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES.
Dende o CEIP de DOMAIO queremos agradecer a Pilar Sampedro e a Cristina Novoa o traballo que fixeron, a súa dedicación e a boa organización. E o mellor de todo foi que estes Encontros axudáronnos a poñernos en contacto con outros/as coordinadores de biblioteca e compartir ideas.
Nestes encontros interviron persoas moi preparadas e valiosas que nos aportaron ideas e instrumentos para avaliar a nosa biblioteca e para dinamizala.
Por outra banda tivemos a oportunidade de participar en sesións simultáneas sobre o cine e a banda deseñada o que nos permitíu recoller ideas para traballar cos nosos alumnos/as.
Tamén fíxose unha exposición de traballos, guías de lectura, libros manualidades e un montón de material feito por diferentes centros acollidos ao PLAMBE.
E por último na clausura dos Encontros  participou o escritor XOSÉ NEIRA VILAS que nos deixou a todos abraiados e con ganas de escoitalo algunhas horas máis.
Parabéns por estes Encontros ás asesoras das bibliotecas escolares PILAR E CRISTINA.

1/3/11

EXPOSICIÓN DAS ÁRBORES DO COLEXIO

Xa sabemos que no noso cole temos árbores moi variadas e bonitas. Este ano decidimos apadriñar cada clase a unha árbore.
Despois con todas elas fixemos unha exposición.
                                                                                                                                                               
                                                                                      
Os alumnos e alumnas de 6º de primaria xunto coa súa titora Ángeles, foron os encargados de  contar ao resto do alumnado todas as características das árbores; as súas propiedades,orixen, beneficios... e foron situando cada unha delas no plano que fixeron para tal fin.



A charla estivo moi amena e enriquecedora e souberon adaptar as súas explicacións as idades dos alumnos e alumnas que escoitaban.


24/2/11

BIBLIOTECAS DO MUNDO

¿Queredes ver algunhas das bibliotecas máis bonitas do mundo?
Mirar este vídeo

21/2/11

A TENDIÑA

Este curso temos unha nova actividade na sección de consumo. Trátase de que cada mes un curso de infantil ou de primaria explicará cal é o producto de tempada (froita, verdura, hortaliza, legume...) ao resto dos alumnos e alumnas do colexio. Esta explicación conleva falar sobre o producto: procedencia, conservación, curiosidades, beneficios, cultivo, receitas... e queda exposto nun cabalete na entrada do colexio para que todos os que pasan por alí se informen do producto escollido.


 De todos os xeitos se queredes máis información sobre esta actividades clicade AQUÍ

O LIBRO QUE MÁIS ME GUSTOU NO PRIMEIRO TRIMESTRE FOI...

Esta actividade fixémola por primeira vez no cole e tivemos moita participación por parte dos alumnos e alumnas.



 Tratábase de escribir o título e facer o debuxo do libro que máis lle gustara  no primeiro trimestre do curso e aquí van algunhas fotos dos libros que máis gustaron.

                                                    

CELEBRAMOS O DÍA DA PAZ

Este ano celebramos no cole o DÍA DA PAZ E A NON VIOLENCIA e comezamos repartindo sorrisos e apertas gratis.


Tamén elaboramos dous murais un de infantil e outro de primaria onde puxemos fotos, mans, frases, desexos...
 
Cada curso foi subindo ao escenario para expresar os seus desexos de paz ou para cantar.
Os alumnos e alumnas de 6º de primaria fixeron unha entrevista a cada profesora e profesor do centro preguntando que era para eles a paz , despois fixeron un resumo de todas as respostas e comunicáronas a todos os alumnos e alumnas do centro.

EXPOSICIÓN DE ÁRBORES DE NADAL

Este nadal fixemos por primeira vez unha exposición de árbores de nadal con material de refugallo e a verdade é que houbo moita participación e o alumnado do colexio esmerouse e tiveron ideas estupendas. Esta é unha mostra da exposición.





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...